Silleda, 13 de xaneiro de 2015. O goberno municipal de Silleda está a traballar na redacción dunha ordenanza de Normalización Lingüística. A concelleira responsable desta área, Aida Castro, ultima xa o borrador da proposta “que será remitido nos vindeiros días aos voceiros dos grupos municipais, para pulsar a súa opinión e recoller propostas e suxerencias”, engade.
A elaboración desta normativa foi proposta no pleno de novembro polo BNG, para a súa aprobación no vindeiro pleno ordinario.
“A día de hoxe traballamos con esa premisa de levar a ordenanza na orde do día da vindeira sesión, que se celebrará a finais deste mes”, explica a concelleira “e agardamos que nos dé tempo para incluila neste pleno”, engade.
Xa na sesión de novembro na que foi aprobada dita moción, o alcalde, Manuel Cuiña, avanzou que se traballaría para contar con esta normativa, da que carece a día de hoxe o Concello de Silleda.
Aida Castro lembra os pasos que se teñen dado nos últimos anos, coa creación dunha concellería específica de Normalización Lingüística e a posta en marcha de distintas iniciativas e certames neste eido, “un traballo que trataremos de completar coa aprobación consensuada desta ordenanza”, sinala.