Silleda, 20 de xaneiro de 2016. O Concello de Silleda acolleráse á orde que regula as subvencións para Programas de Fomento do Emprego e Mellora da Empregabilidade, postos en marcha pola Administración Autonómica a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A través deste programa búscase crear o chamado Servizo de Obras e Conservación Medioambiental, que estaría composto por un total de 10 operarios/as.
A través deste equipo actuaríase en distintos frentes, incidindo sobre todo na mellora e conservación medioambiental. “Ademais de traballos relacionados con mantemento do patrimonio, e areas turísticas, trataremos de incidir todo na mellora dos espazos medioambientais”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Con esta iniciativa pretendese incorproar un novo elemento máis no proceso de humanizar o municipio, “xa sexa loitando contra a contaminación do medio, como o mantemento dos espazos de uso público ou a mellora de recursos no ámbito turístico”, engade o rexedor.
O equipo estaría formado por 10 traballadores/as, que se contratarían durante tres meses a tempo completo. O proxecto deseñado polo Concello de Silleda para optar a estas axudas contempla a contratación de 10 persoas: un carpinteiro (oficial Primeira); un técnico de Medioambiente (técnico medio) e varios peóns (3 traballadores forestais, 4 de xardinería e 1 de albanelería).
Entre as actuacións a realizar, a memoria deseñada polo Concello de Silleda contempla limpezas periódicas de fontes, áreas de ocio e lecer, zonas recreativas e o entorno de lugares de interese turístico.
Novos miradoiros e limpeza de vertidos
Tamén figuran no listado de actuacións a desenvolver as limpezas puntuais de zonas e arranxo por exemplo de valados situados en castros, rutas de sendeirismo, fervenzas.. e tamén as melloras para a creación dos novos miradoiros que se busca potenciar dende o departamento municipal de Turismo, (na Serra do Candán, no Monte de San Sebastián e no Castro de Toiriz).
Outra das actuacións centrais será a limpeza de vertedoiros incontrolados. “Dende o Concello vimos facendo esforzos por eliminar distintos puntos negros que seguen a degradar o medio”, explica o alcalde.
Dende o goberno municipal agárdase que a solicitude formulada polo Concello de Silleda sexa aceptada para a posta en marcha deste equipo a partir do vindeiro mes de marzo.