– ClickTrasDeza é o título desta iniciativa, na que os participantes terán que mandar fotografías tomadas en zonas que amosen a riqueza natural e patrimonial de Trasdeza. Repartiranse 450 euros en premios, ademais de vales de compra en establecementos asociados a ECOS
Silleda, 10 de marzo de 2016. A Concellería de Cultura vén de convocar o concurso ClickTrasDeza, unha convocatoria de fotografía para poñer en valor a riqueza natural e patrimonial do Concello.
Nesta iniciativa poderá participar calquera persoa física, sen restrición de idade, afeccionadas ou profesionais da fotografía, que sexan autoras das imaxes presentadas e que teñan os dereitos das mesmas, sen restrición algunha.
Poderase participar cun máximo de 5 traballos por persoa, todos eles deben de ser inéditos. A fotografía terá que representar a riqueza natural e patrimonial de Trasdeza, e teranse en conta aspectos que lle outorguen valía ás imaxes, coma a orixinalidade das mesmas, a resolución, a dificultade para logralas e, sobre todo, a afinidade ao tema que ocupa o certame.
Non se admitirán selfies, pero sí traballos nos que aparezan persoas ou animais no medio natural ou patrimonial no que se centre a fotografía.
As imaxes deben ir en soporte físico, non sendo admitidas as fotografías que se presenten en formato dixital. Este soporte físico é libre, así coma o tamaño e a resolución das imaxes.
Para concursar, as fotografías deberanse presentar no Rexistro Municipal do Concello de Silleda, acompañadas dun documento adxunto onde figure o título do traballo e os datos do mesmo, así coma os datos persoais do autor. O prazo de presentación dos traballos remata ás 14:00 horas do venres 15 de abril de 2016.
Nas bases tamén se recollen unha serie de consideracións a ter en conta. Así, as fotos en ningún caso poderán amosar unha situación inapropiada, obscena, hostil, indecente, difamatoria ou calumniosa e/ou que promova a intolerancia, odio, racismo ou dano contra calquera grupo ou persoa, ou a discriminación por motivos de raza, relixión, xénero, nacionalidade, diversidade, orientación sexual ou idade e/ou que atenten contra a orde pública e moral. Todos os traballos que dende a organización se consideren impropios ou que atenden a calquera destas características descritas, quedarán automaticamente descalificados e anularase a participación do autor/a.
O xurado estará constituído por cinco membros. A Presidencia do mesmo recaerá sobre a Concelleira de Cultura ou na persoa que delegue. Os catro membros restantes serán persoas relacionadas co mundo da fotografía ou a creatividade.
Trala deliberación do xurado, comunicaráselle ós gañadores a resolución do concurso.
Establécense dous premios, un primeiro de 300 euros e un diploma, ademais dun obsequio conmemorativo oficial do Concello de Silleda e 50 euros en vales de compra en establecementos asociados a ECOS, e un segundo de 150 euros, un diploma, un obsequio conmemorativo, e 30 euros en vales de compra.
Todos os traballos presentados estarán expostos en lugar e datas a definir, nunha exposición aberta ó público, trala que lle serán devoltos aos seus autores. Sen embargo, o Concello de Silleda conservará as imaxes premiadas no seu fondo fotográfico, para o cal os premiados deberán aportar unha copia en soporte dixital á Concellería de Cultura.
As bases deste concurso poderán ser consultadas no enlace seguinte a esta nova.