-Ademais de abordar as distintas problemáticas dos centros, dende a Concellería de Educación analizáronse os obradoiros realizados e propuxéronse novas actividades como a proposta de reciclaxe “Arqueocampo”, ou a reedición de Libros da Rúa, o mercadiño solidario que tanto éxito tivo o pasado maio
Silleda, 1 de abril de 2016. O Consello Municipal de Educación de Silleda volveu a reunirse no día de onte co fin de seguir avaliando o progreso do curso e recoller suxestións e propostas dos seus integrantes.
Así xunto coa concelleira de Educación, Pili Peón, que preside a entidade que aglutina a toda a comunidade educativa do municipio, estiveron presentes as directoras dos CEIP de Silleda e Ramón de Valenzuela de A Bandeira, así como o vicedirector do IES Pintor Colmeiro, e unha representante da ANPA do público de Silleda.
Nesta sesión, ademais da lectura e aprobación da última acta, e da avaliación do primeiro semestre do curso, puntos que se aprobaron sen problemas, tratáronse varias cuestións de reparacións nos colexios de infantil e primaria, que se procederán a solucionar proximamente dende o concello. Do mesmo xeito e para outros problemas de maior envergadura, como son as filtracións, humidades, cubertas, calefacción e demais danos dos centros educativos que están fora das competencias municipais, solicitouse cita co conselleiro de Educación, e estase á espera da data de reunión dende a Consellería.
Outro dos asuntos a tratar foi a valoración dos obradoiros realizados, coma o de xadrez, que tivo tan boa acollida que no CEIP de Silleda están estudando continuar coa actividade. Tamén se revisaron as ofertas de actividades a realizar. Así, está a ter lugar o I Concurso Escolar de Cómic da Biblioteca Municipal Daniel Castelao, que remata o vindeiro día 8. Esta iniciativa escolar premia o deseño de cómics que traballe sobre o arte, historia e tradicións de Trasdeza.
Tamén está prevista a realización do obradoiro “Arqueocampo”, unha actividade sobre arqueoloxía destinada a alumnos de educación primaria e de 1º e 2º da ESO, que se celebrará nos próximos días.
Outra das actividades previstas para a súa próxima realización é a de “Libros na rúa”, un mercadiño solidario de libros, que na súa 1ª edición o ano pasado acadou un grande éxito, e que se prevé retomar este ano a finais do mes de maio.
A concelleira de Educación, Pili Peón, destaca que “son propostas de interese para @s alumn@s dos distintos ciclos, e coas que se pretende complementar a aprendizaxe nas aulas”.