Silleda, 04 de abril de 2016. O Concello de Silleda iniciou os traballos de limpeza e desbroce nos terreos do recinto feiral da Semana Verde. Estas tarefas enmárcanse dentro do convenio de colaboración asinado hai dous anos, polo cal o Concello asume este tipo de labores de mantemento a cambio de utilizar as instalacións feirais para a celebración de distintas actividades, como o uso do auditorio para eventos culturais, entre outros.
Estes traballos estanse a acometer dende o Concello co uso de dous tractores, que están limpando estes días a maleza e a herba do recinto feiral.
Con esta medida ponse a punto o recinto de cara a celebración da Feira da Enerxía de Galicia que terá lugar nos próximos días.
Dende o goberno municipal destácase que o convenio de colaboración e apoio entre as dúas entidades, asinado en setembro de 2014, está a ser moi beneficios para os veciños e veciñas de Silleda, redundando tanto en actividades organizadas dende o Concello como nas de colectivos e asociacións, que poden celebrar distintos eventos nas instalacións do recinto feiral.
Tamén se destaca dende o executivo local a boa sintonía e colaboración coa entidade feiral.