-O concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitou a zona onde se están a realizar as obras de acometida
-Esta actuación forma parte das tarefas de acondicionamento que se veñen levando a cabo en colaboración coa Sociedade de Caza, Pesca e Tiro de Silleda
Silleda, 6 de abril de 2016. O concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, ven de visitar as inmediacións do campo de tiro O Picoto, onde se están a realizar tarefas de acondicionamento.
Nestes pasados días deron comezo as labores de acometida de auga e luz, e para iso se está a escavar nun tramo de aproximadamente un quilómetro de lonxitude, dende a estación depuradora de augas residuais de Rosende, en Ponte, onde se farán os enganches para poder levar os servizos ata o campo de tiro.
O Concello colabora coa Sociedade de Caza, Pesca e Tiro de Silleda nestas actuacións para a posta a punto desta zona, situada en Vilar.
Esta é outra das demandas moi solicitadas pola Sociedade, que ven a complementar a outras xa realizadas nos meses anteriores, coma a cubrición do foso para os tiradores, dotado agora de unha estrutura de madeira con teito incluído. Tamén se limpou o entorno do Picoto, onde se colocarán elementos de xogo na zona de esparexemento e se construíu unha balsa para a posta en marcha do ambicioso proxecto de pesca promovido dende a entidade.
Dende o concello queren destacar o bo traballo que se está a realizar dende a Sociedade de Caza, Pesca e Tiro coa recuperación de este enclave, e o seu papel dinamizador.
Pola súa parte, o presidente da sociedade, Jesús Pérez Caramés, agradece ó Concello de Silleda os traballos, e amosa a súa satisfacción con esta obra, “coa chegada da luz e a auga ó Picoto, ábrese a posibilidade de programar moitas actividades e prestar máis servizos”, comenta Jesús.