Remata o prazo para a presentación de traballos para o concurso de fotografía ClickTrasdeza

-Os interesados poderán presentar as súas obras no Rexistro Municipal do Concello de Silleda ata o vindeiro venres día 15 de abril

Silleda, 12 de abril de 2016.  O concurso de fotografía ClickTrasdeza, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Silleda, dirixida por María José Fernández, encara a súa recta final.

O prazo para as aportacións a esta iniciativa, na que os participantes deberán presentar fotografías tomadas en zonas que amosen a riqueza natural e patrimonial de Trasdeza, remata ás 14:00 horas do próximo venres, 15 de abril.

Pode participar calquera persoa física, sen restrición de idade, afeccionadas ou profesionais da fotografía, que sexan autoras das imaxes presentadas e que teñan os dereitos das mesmas, sen restrición algunha.

Presentaranse un máximo de 5 traballos por persoa, todos eles deben ser inéditos e deben ir en soporte físico, non sendo admitidos os que se presenten en formato dixital. A fotografía terá que representar a riqueza natural e patrimonial de Trasdeza, e teranse en conta aspectos que lle outorguen valía ás imaxes, coma a orixinalidade das mesmas, a resolución, a dificultade para logralas e, sobre todo, a afinidade ao tema que ocupa o certame.

Trala deliberación do xurado, que estará constituído por cinco membros, comunicaráselles ós gañadores a resolución do concurso.

Establécense dous premios, un primeiro de 300 euros e un diploma, ademais dun  obsequio conmemorativo oficial do Concello de Silleda e 50 euros en vales de compra en establecementos asociados a ECOS, e un segundo de 150 euros, un diploma, un obsequio conmemorativo, e 30 euros en vales de compra.

As bases deste concurso seguen expostas na páxina web do concello www.silleda.gal para ser consultadas.