– A empresa “Solucións Integrais para o Medio Ambiente”, SIMA, S.L. levará a cabo a recollida a vindeira semana, entre os días 18 e 22 de abril
Silleda, 16 de abril de 2016. O Concello de Silleda, a través das Concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, dirixidas por Klaus Brey e Jesús Taboada respectivamente, pon en marcha unha nova fase do programa de Recollida de Primavera de Plásticos Agrícolas de Silos e Invernadoiros.
Neste período de recollida de avisos contabilizáronse un total de 91 solicitudes, o que converte a ésta campaña na máis exitosa das que se levan feito, (cabe destacar que se superou con creces ás dúas últimas fases do ano 2015, con 38 e 31 solicitudes respectivamente), debido probablemente á publicidade que se fixo a través de distintos medios e sobre todo ó buzoneo de 2500 folletos que se enviaron ó rural informando tanto da recollida dos plásticos agrícolas, coma do uso dos distintos contedores existentes para levar adiante o proceso de reciclado selectivo, así coma de horarios e residuos admitidos no punto limpo.
A maioría de avisos de recollida foron da zona sur do municipio, (Laro, Oleiros, Refoxos e Parada), e no val do Toxa, (Escuadro, Graba e Negreiros), onde se concentra gran parte da actividade agrogandeira.
A partires do próximo luns e durante toda a semana do 18 ao 22 de abril procederase á recollida dos plásticos por zonas, correlativamente, dende Cira ata Parada, informando en cada parroquia e a cada persoa que o solicitou do día no que pasará o camión do servizo.
Así o vindeiro luns a partires das 8:30 horas comezarase a retirada de plásticos nas parroquias de Cira, Dornelas, Piñeiro, Lamela, Cervaña, Moalde, e Chapa. Os empregados da empresa SIMA, encargada de prestar o servizo, irán acompañados por un operario municipal coñecedor do terreo.
Dende o departamento municipal lémbrase ós usuarios a necesidade de dobrar e empacar os plásticos da mellor maneira posible, eliminando sucidade e evitando que conteñan outras materias impropias que poidan dificultar as tarefas de reciclaxe.
O programa de recollida selectiva de plásticos agrícolas de silos e invernadoiros porta a porta comezou en Silleda en febreiro de 2008, obténdose uns resultados excelentes, a xulgar tanto polas solicitudes trasladadas coma pola cantidade recollida finalmente.
Esta foi unha medida de grande acollida veciñal, evitando a acumulación duns plásticos que abandonados na terra, tardan 500 anos en degradarse. Ao mesmo tempo que se evita o impacto visual, hai que ter en conta que este plástico é totalmente aproveitable para os mesmos usos.
A Concellería de Medio Ambiente agradece a grande colaboración dos usuarios con este servizo, que dende o ano 2013 se realiza sen custes para o Concello, froito dun acordo coa empresa autorizada que realiza a recollida.