Silleda, 18 de abril de 2016. A pasada Semana Santa a Anpa do CEIP de Silleda en colaboración coa Concellería de Turismo organizaba unha xincana familiar, co fin de dar a coñecer os enclaves turísticos do municipio.
A actividade, que contou con moi boa acollida con 11 equipos inscritos, (40 persoas en total), consistía en descubrir 10 tesouros que se escondían en outros tantos puntos da xeografía do Concello de Silleda.
Cada vez que un equipo conseguía chegar a un dos tesouros debía enviar unha foto que demostrara que se atopaba no enclave correspondente.
Todas esas fotos, clasificadas por equipos, poderán verse dende mañá martes e ata o próximo 15 de maio nunha exposición na Casa da Xuventude de Silleda.
Dende a Concellería de Turismo, Ana Luisa González agradece a tódolos participantes pola súa colaboración e a cesión das fotografías, e debido á boa acollida da iniciativa, non descarta repetila en próximas datas.