-O vindeiro venres 29 reunirase o xurado para seleccionar aos gañadores
Silleda, 19 de abril de 2016. A pasada semana remataba o prazo para a presentación dos traballos para o concurso de fotografía ClickTrasdeza, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Silleda, que dirixe María José Fernández.
55 fotos pasarán por mans do xurado, que se reunirá o vindeiro venres día 29 para elixir ós dous premiados. A presidencia do xurado recaerá sobre a Concelleira de Cultura ou a persoa na que delegue. Os catro membros restantes serán persoas relacionadas co mundo da fotografía ou a creatividade.
Despois da elección dos traballos gañadores o próximo venres día 6 de maio, ás 20.30 horas farase a entrega de premios, ademais de inaugurar unha exposición con tódalas fotos presentadas ó concurso que se poderá contemplar na Casa de Cultura de Silleda ata o 27 de maio.
Hai establecidos dous premios, un primeiro de 300 euros e un diploma, ademais dun obsequio conmemorativo oficial do Concello de Silleda e 50 euros en vales de compra en establecementos asociados a ECOS, e un segundo de 150 euros, un diploma, un obsequio conmemorativo, e 30 euros en vales de compra.