-O Alcalde expúxolle os adiantos do proxecto aos voluntarios nunha reunión celebrada esta tarde no concello
-As malas condicións meteorolóxicas están retrasando un novo avance
Silleda, 21 de abril de 2016. Alcalde, concelleiro de Medio Rural e representante de Quorum, mantiveron unha xuntanza na tarde de hoxe cos voluntarios anotados para formar parte das iniciativas do centro agrario de Silleda, na que se expuxeron os pasos a seguir no programa.
Manuel Cuíña agradeceu a colaboración e o interese por participar de tódolos voluntarios, e salientou o ambicioso do proxecto, e a expectación que está a xenerar, xa que hai moitos medios de comunicación interesados en dar a coñecer esta iniciativa municipal.
A finalidade da reunión foi a de recoller información sobre as inquietudes e as dúbidas que van xurdindo entre os voluntarios, compartir opinións sobre o avance, e escoitar ideas e propostas para a continuidade do proxecto.
Así, o rexedor silledense expuxo a dispoñibilidade do concello á hora de invertir, poñer fincas, e mesmo un edificio para impartir formación, co obxectivo de poñer medios á xente que se atopa no paro e que ten inquietudes e gañas de traballar.
“O que buscamos con este proxecto é aproveitar a grande riqueza que ten a nosa terra para axudar a que o sector agrícola e gandeiro levanten o desemprego no noso municipio”, comentou o alcalde.
Tamén fixo fincapé nos distintos contactos que xa existen para a distribución e venda dos produtos cultivados. Estas empresas serían primeiros compradores, non intermediarios, deste xeito tódolos beneficios recaerían sobre os propietarios dos cultivos.
A continuidade do proxecto vai encamiñada en dúas fases diferenciadas: unha primeira, que terá lugar nos próximos días, en canto as condicións meteorolóxicas permitan facer as primeiras plantacións aos voluntarios emprendedores que teñen fincas propias, e que xa están preparando os terreos na medida en que as chuvias caídas llo permiten.
E nunha segunda fase, se a demanda é razoable, o concello faría unha primeira posta a punto da finca de Ponte, preparando os terreos, o invernadoiro co que xa conta a instalación, e o pozo de auga, para cederlle o terreo dividido en parcelas, aos voluntarios sen fincas que así o soliciten, onde poderán cultivar segundo as propostas que se lle recomenden en relación coas propiedades da terra, e recoller tódolos beneficios recollidos na venda da produción.
Financiamento europeo para o proxecto
A repercusión do proxecto do Centro Agrario estase estendendo, e son moitos os concellos, cercanos, e de fora de Galicia que se están interesando na iniciativa. Silleda aproveitará a oportunidade de concorrer a subvencións europeas para o proxecto xunto con estes concellos interesados.
Outro dos “socios”do concello á hora de pedir subvencións para o Centro Agrario será a Deputación de Pontevedra, que xa tamén ofreceu xornadas formativas relacionadas con temas agrarios.
Xornadas formativas
Outra das cuestións tratadas nesta reunión foi a programación de actividades formativas para tódolos interesados.
A espera de confirmación de datas, ata o momento xa hai previstas catro accións formativas con outros tantos temas a tratar:
– A horticultura ecolóxica
– Novas oportunidades de cultivos
– Emprendemento agrario
– Comercialización de produtos agrarios
Os voluntarios presentes na xuntanza reclamaron tamén algún tipo de formación sobre altas agrarias, orientación en trámites e subvencións, cursos que o concello estudará para poder impartilos.