-O certame organizado por Fortín da Pomba volve apostar por potenciar a canteira dos grupos de baile, con dúas categorías
Silleda, 22 de abril de 2016. O concurso de baile tradicional galego Azaloira, que vén organizando dende hai xa 16 anos o grupo Fortín da Pomba, volta á Bandeira o vindeiro domingo día 8 de maio.
O certame apostará, ao igual que o pasado ano, pola canteira das agrupacións galegas, con dúas categorías no concurso, que reunirá a un total de 17 agrupacións de diversos puntos de Galicia.
Así, na categoría A, (de 8 a 12 anos), participan Os Remuíños (da AC Mar de Arousa, de Bamio, Vilagarcía); dous grupos de Cantigas e Agarimos, de Santiago; Seixebra, de Moraña; Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, de Santiago; Zarzullo e Pillabáns, ámbolos dous pertencentes á Asociación Xacarandaina de A Coruña; o grupo Ultreia de Santiago, A Telleira do C.C. A Ponte Vella de Teo; e o grupo B da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras.
A categoría B, (de 12 a 16 anos), reunirá no concurso a outras seis agrupacións. Así concursarán a Asociación Cultural Mar de Arousa de Bamio; O Muíño da Retorta e Tras do Eo, ambas do Centro Cultural A Ponte Vella de Teo; Nove Ferreñas da Ambt Vai de Roda de Rianxo; o grupo da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras, e o grupo B da Escola de Muiñeira de Cantigas e Agarimos de Santiago.
Cada un dos participantes interpretará unha peza na cita que comezará ás 18.00 horas no auditorio Manuel Dopazo. O grupo organizador, Fortín da Pomba, tamén actuará a modo de exhibición.
O certame establece tres premios en ámbalas dúas categorías. Así, na infantil haberá un primeiro premio dotado con 400 euros e trofeo (outorgado polo Concello de Silleda); un segundo con 250 euros doado por empresarios da Bandeira e trofeo do Concello; e un terceiro de 150 euros, que aporta Fortín, e trofeo tamén do Concello de Silleda.
Na categoría xuvenil, o primeiro premio é de 500 euros, tamén aportados polo Concello de Silleda, un segundo de 300 (dos empresarios locais) e un terceiro de 150, que outorga Fortín, ademais de trofeos doados polo Concello para estes tres clasificados.
Dende a organización queren salientar que dende agora se poden seguir tódalas súas actividades nas redes sociais, en Facebook e en Instagram.
A presidenta de Fortín da Pomba, Josefa Ferreiro, agradece “o apoio do Concello de Silleda e das empresas e comercios da localidade sen os que non sería posible organizar un certame coma este”.
O alcalde, Manuel Cuiña, destacou o traballo realizado por Fortín da Pomba, e eludiu ao esforzo do grupo organizador dun certame “que cada ano sigue batendo récords de participación”.