-Operarios municipais remataron o traballo na fonte do Souto, no lugar de Mazarelos, onde o lavadoiro se habilitou hai máis de 60 anos
Silleda, 27 de abril de 2016. O Concello de Silleda ven de rematar, en colaboración coa Asociación de Veciños Vilar de Trasdeza, a recuperación da Fonte do Souto, situada no lugar de Mazarelos, na parroquia de Vilar.
A recuperación deste conxunto tradicional, con fonte e lavadoiro, -creado hai preto de 70 anos-, era unha vella demanda dos veciños de Vilar.
Os traballos consistiron na limpeza da zona e o descubrimento das pedras para posteriormente proceder a rehabilitar o conxunto, un dos elementos etnográficos e tradicionais cos que conta a localidade.
Os veciños colaboraron co aporte de material e tamén de maquinaria, e o concello aportou o traballo de persoal municipal do departamento de Obras e Servizos.
Xunto con estes traballos tamén se procedeu á ampliación dos camiños próximos, facendo unha canalización das augas pluviais e procedendo á cimentación das beiras.
Dende esta concellería, o seu responsable, Klaus Brey, indica que está é unha das obras “que se enmarcan nas actuacións nas que contamos coa inestimable colaboración dos veciños, unha axuda fundamental que tamén vén a priorizar en moitos casos intervencións pendentes”, engade e agradece expresamente “a colaboración e implicación da Asociación Vilar de Trasdeza”.
O alcalde e o concelleiro de obras e servizos supervisaron na mañá de onte as obras deste antigo lavadoiro, da remodelación dos camiños e da fonte do Souto que veñen a implementar o patrimonio do rural sillendese onde nos últimos anos se veñen acometendo, tamén en colaboración coas entidades veciñais, outras obras destinadas á recuperación e posta en valor deste tipo de construcións.