O Club de Lectura da biblioteca Daniel Castelao de Silleda retomará a súa actividade a vindeira semana. A cita será co escritor lalinense Carlos Negro, e a súa obra literaria “Masculino singular”. A xuntanza terá lugar o próximo mércores, día 4 de maio ás 20:30 horas.
Ficha do autor, (Xerais):
Carlos Negro (Lalín, 1970), autor de obras en Xerais como Far-West (2001), Makinaria (2009), Penúltimas tendencias (Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil do ano 2014) ou Masculino singular (2016), iniciouse no xénero poético con As laranxas de alí babá (1998). Recibiu tamén o premio Johán Carballeira polo poemario Héleris (2003) e o Victoriano Taibo por Cultivos transxénicos (2008). Ensaiou o xénero satírico no dicionario Abelcebú (2010), de carácter burlesco. Nos últimos anos vén desempeñando un continuo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil, a través de recitais e obradoiros por toda Galicia.
Ficha da obra, (Xerais):
Masculino singular é un corte de sangue no medio do afeitado; unha refutación do macho alfa que destrúe os afectos e converte o terror en linguaxe dominante. Tamén é un diario íntimo que reclama a tenrura nunha revolución de magnolias, pero sen pólvora, porque xa non precisamos himnos de batalla nin falos erectos nas portas dos aseos. Masculino singular é un código aberto aínda inconcluso, que se constrúe máis alá do propio texto, naqueles espazos sociais onde algúns homes aprenden unha lingua sen sufixos de exterminio. Porque nada semella máis urxente que procurar unha saída de emerxencia dese templo onde a virilidade segue a ser o valor máis sagrado da tribo.