Operarios municipais remataron esta pasada semana os traballos de escavación e canalización necesarios para achegar os servizos de luz e auga a O Picoto.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, visitou a zona onde se fixo a acometida, nun tramo de aproximadamente un quilómetro entre a depuradora de augas residuais de Rosende, en Ponte, ata o campo de tiro.
Esta actuación, á que so lle faltan os enganches de ambos suministros para rematarse, ven de cumprimentar a outras que se veñen facendo no último ano en colaboración coa Sociedade de Caza, Pesca, e Tiro de Silleda, co fin da posta en valor desta zona, situada en Vilar.
Así, estes traballos engádense á cubrición do foso para os tiradores, dotado agora de unha estrutura de madeira con teito incluído, á limpeza do entorno do Picoto, onde se colocarán elementos de xogo na zona de esparexemento, e a construción dunha balsa para a posta en marcha do ambicioso proxecto de pesca promovido dende a Asociación.
Tanto dende o Concello de Silleda coma dende a Asociación de Caza, Pesca, e Tiro, queren destacar a boa sintonía que existe entre as dúas entidades, co único fin de recuperar o enclave e poder programar moitas máis actividades.