Baixo o lema “O meu soño”, o concurso conta tamén coa colaboración da Asociación do comercio de Silleda, ECOS
Silleda, 02 de maio de 2016. A quinta edición do Concurso de Microrrelatos para nen@s e moz@s promovida pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda encara a súa última semana. Así, todo aquel que queira participar, deberá presentar os seus traballos ata este venres 6 de maio.
“O meu soño” é o lema este ano, onde se valorará a orixinalidade e a creatividade. Así meso, nesta edición tamén colabora a Asociación de Comerciantes de Silleda, (ECOS).
Ao igual que nas edicións anteriores establécense, dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e outra para persoas de 13 anos en adiante.
Neste caso, os textos, que terán que estar titulados e escritos integramente en galego, poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador, (cun máximo de 500 carácteres), e tamén escritos a man, (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo, nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais.
Cada participante poderá presentar un único traballo, que deberá ser inédito e non terse presentado a outros certames e deberá ser entregado no rexistro do Concello de Silleda, ou remitido por correo ordinario ao seguinte enderezo: Concello de Silleda – Rúa Trasdeza, Nº55 – 36540 Silleda.
O xurado encargado de elixir os mellores microrrelatos estará composto por dous profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística, Aida Castro Caramés, ou a persoa en quen delegue. O fallo do xurado darase a coñecer antes do 17 de maio, e os nomes dos gañadores serán publicados a través da web www.silleda.gal, ademais de notificárselle aos interesados a través dos datos facilitados coa presentación do traballo. A entrega de premios terá lugar o venres día 20.
Os premios, para cada categoría consistirán nunha tablet valorada en 100 euros e un vale de 20 euros doado por ECOS.
Ademais, de pertencer o gañador ou gañadora a algún centro educativo do Concello de Silleda, entregarase un vale de 50 euros para mercar libros en galego nas librerías do municipio para a biblioteca do centro. No caso de non pertencer a ningún centro educativo, a Concellería de Normalización Lingüística fará entrega dos libros á Campaña de Recollida de Material Escolar da Concellería de Igualdade e Benestar.