-O Concello de Silleda promove distintas actividades dirixidas aos máis pequenos para este “Mes das Letras”
Silleda, 5 de maio de 2016. As Concellerías de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Silleda ofrecen unha ampla variedade de entretemento para os máis cativos, con motivo da celebración do “Mes das Letras”.
Así a oferta comezará o vindeiro venres 13 de maio co espectáculo “MaxicoSons, unha aventura entre libros”, que terá lugar ás 17:00 horas na Biblioteca Municipal Daniel Castelao. Esta actuación forma parte do programa Ler conta moito de dinamización lectora da Rede de Bibliotecas de Galicia e está dirixida a nenos e nenas de entre os 3 e os 14 anos. Nela, un músico e un mago promoven a lectura cun formato orixinal, interactivo e divertido. Unha posta en escena onde a maxia e a música en forma de MaxicoSons se unen para facer unha aventura entre libros.
O seguinte día, sábado 14, celebrarase na Casa da Xuventude “O gran xogo das Letras Galegas”, ás 17:00 horas, onde grupos de nen@s competirán para amosar os seus coñecementos sobre as Letras Galegas e Manuel María.
O broche final ao fin de semana virá co espectáculo “Os Bolechas van ás Olimpíadas”, dirixido a nenos e nenas de ata 12 anos. Esta actividade celebrarase o domingo 15 de maio, ás 12:30 horas no Auditorio Manuel Dopazo de A Bandeira. Debido ao aforo limitado do recinto, permitirase a asistencia dun só adulto por neno e deberase retirar a invitación na Casa do Concello ou no Centro Cultural Vista Alegre de A Bandeira ata o próximo xoves, día 12.
As actividades infantís volverán á Casa da Xuventude o seguinte sábado día 28 de maio ás 12:00 horas, cun obradoiro de recursos en galego para familias chamado “A casa encantada de Alí”, un espectáculo contado e cantado destinado a familias con nenos de 0 a 6 anos. O aforo para esta actividade está limitado a 20 persoas co cal para acudir haberá que anotarse nas dependencias do Concello de Silleda ou no teléfono 986.580.000 ata o 25 de maio.