-As solicitudes poden presentarse entre o 13 e o 27 de maio. Hai prazas limitadas xa que a matrícula deste ano incluía xa a posibilidade de reservar praza para este campamento
Silleda, 6 de maio de 2016. A Concellería de Educación do Concello de Silleda, que dirixe Pili Peón, vén de abrir o prazo de inscrición para participar no campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo, dirixido a alumnos e alumnas de Primaria (de 3 a 12 anos), e que se desenvolverá no CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira.
As solicitudes para participar nas actividades de verán poderán formalizarse dende o 13 ata o vindeiro venres día 27. Para a realización deste campamento será preciso acadar os 25 participantes. As prazas son limitadas xa que este ano a inscrición no Servizo Lúdico Educativo a inicios de curso permitía xa aos usuarios reservar prazas nos campamentos de Nadal e de Verán, para simplificar os trámites aos interesados. Así, o campamento que se desenvolverá no CEIP de Silleda conta xa con todas as prazas cubertas para os meses de verán.
O campamento contará con diversas actividades lúdicas e tamén deportivas, e desenvolverase dende que remate o curso escolar en xuño ata a véspera de inicio do curso escolar 2016-2017, en setembro. O horario do servizo será de 09.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 20.00 horas, de luns a venres.
As actividades terán a súa base, nas instalacións do CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira. Para formalizar a solicitude debe de cumprimentarse unha ficha de inscrición e axuntar diversa documentación. Entregarase na Casa da Cultura de Silleda, onde tamén se resolverán dúbidas e se ofrecerá máis información sobre as actividades vía telefónica, chamando ao 986 581028. As taxas, ao igual que se vén facendo neste servizo municipal, abónanse segundo a renda per cápita mensual, oscilando o custe por mes entre os 30 euros (para as rendas máis baixas) e os 90 euros para as máis altas.
Aos participantes que non estean empadroados/as en Silleda abonarán o custe total, ao non aplicárselles reducións previstas na ordenanza que regula este servizo.
“Dende a Concellería de Educación queremos continuar ofertando este servizo de conciliación para as familias durante a época estival, cunha variada oferta de actividades para os nenos e nenas”, sinala a concelleira Pili Peón.