-Tamén se aprobaron os pregos para a mellora de camiños de Santa Mariña, na parroquia de Graba
Silleda, 20 de maio de 2016. A Xunta de Goberno Local de Silleda ven de aprobar os pregos para a compra dun tractor e de dúas desbrozadoras de brazo. Nos vindeiros días se cursarán as invitacións a empresas para que presenten as súas respectivas ofertas.
A compra do tractor supón unha inversión de 50.000 euros, e para as dúas desbrozadoras o presuposto é de 33.000 euros, importes con IVE incluído, que se aboarán con cargo á aplicación presupostaria de 163.623 euros do Orzamento Municipal. O destino desta compra é o reforzo do servizo de mantemento e limpeza das redes viarias do concello.
A forma de adxudicación de ambos contratos de subministración será o negociado sen publicidade, no que a adxudicación recaerá no candidato xustificadamente elixido polo órgano de contratación, tras efectuar consultas con diversos candidatos e despois negociar as condicións do contrato con un ou varios deles.
Mellora da pavimentación de camiños
Do mesmo xeito, tamén se aprobaron os pregos das cláusulas administrativas para proceder ao contrato das cobras consistentes na mellora da pavimentación no camiño de Santa Mariña, na parroquia de Graba.
Estes traballos están subvencionados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, (Consellería de Medio Rural) dentro do Plan Marco 2016, e contribuirán á mellora de determinados camiños sobre os que é necesaria unha inmediata reparación debido ao estado de deterioro que presentan.
A forma de adxudicación de este contrato será tamén de procedemento negociado sen publicidade, para o que se cursarán invitacións a empresas capacitadas para a realización do obxecto do contrato para que presenten as súas respectivas ofertas.