-As roldas de encontros cos veciños do municipio continuarán esta noite en Siador e Laro, e nos vindeiros días en Cortegada e Parada
Silleda, 23 de maio de 2016. Dentro das reunións anuais cos veciños que está a ter o alcalde de Silleda, está mañá tocoulle a quenda á parroquia de Pazos.
Ata alá se desprazou o rexedor, xunto co concelleiro de obras, Klaus Brey, e a súa homóloga de turismo, Ana Luísa González, tanto para tratar os temas de calado que se están a tratar actualmente dende o concello, como para recoller as demandas veciñais.
Así, despois de informar aos presentes sobre os avances dos distintos proxectos de interese neste momento e que van na orde do día en cada reunión parroquial, (aprobación do PXOM, elección dos representantes parroquiais, cambio das oficinas municipais, Centro Agrario, lanzamento da campaña de empadroamento, actualización catastral, Centro de Día Residencial, e axudas municipais a emprendedores), tratáronse dous temas que xeran inquietude entre os veciños.
O primeiro de eles ten que ver co vertedoiro de Campomarzo. Os veciños reclaman un control dos residuos que se verten nas instalacións, xa que materiais coma plásticos ou papeis acaban nas súas fincas ao ser arrastrados polo vento. O rexedor explicou que tras un parón a empresa volta a ter actividade tras obter licencia da Xunta de Galicia, entidade que ten as competencias ao respecto, e que en ningún momento se comunicou ao concello esta reanudación. Por parte da entidade local reclamóuselle á Consellería os informes de inspección que se realizan semanalmente para ver qué residuos son os que se están a verter, de qué maneira e por qué; informes que quedaron de ser entregados o vindeiro xoves. Unha vez analizados estes documentos, se existira algunha irregularidade, tomaríanse medidas ao respecto.
Cabe lembrar que o Concello de Silleda mantén dende o pasado ano un litixio coa empresa mineira, correspondente ao cobro do canon municipal pola explotación do vertedoiro, situado en terreos municipais.
Outra das demandas dos veciños da parroquia de Pazos foi a sinalización do enclave das fervenzas, que en algún punto da lugar á confusión dos visitantes. A edil de turismo, Ana Luisa González, explicou un proxecto de sinalización e accesibilidade que xa está elaborado polo concello e que pretende a mellora destes dous puntos, sinalizando o traxecto tanto á Fervenza do Toxa, coma ó Mosteiro de Carboeiro, dende os dous núcleos urbanos do municipio. O concello ten solicitada unha subvención para este fin.