-A iniciativa deberá presentarse ao programa Espazo Atlántico ata o vindeiro martes, día 31
Silleda, 25 de maio de 2016. O alcalde de Silleda, xunto co representante de Valença, un dos socios do proxecto do Centro de Desenvolvemento Rural e Agrario, que se presentará a subvencións europeas nos próximos días, presentaron no día de hoxe a iniciativa ante o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, que colaborará no proxecto coa Escola Agraria e a de Ciencias Empresariais.
Nunha segunda reunión, mantida esta tarde, o proxecto foi presentado ante o Secretariado Técnico Conxunto do Espazo Atlántico en O Porto, Portugal, entidade responsable da execución diaria do programa, que asiste á estrutura do proxecto na execución do mesmo.
O Concello de Silleda, que actuará como promotor en esta iniciativa, conta xa con socios en catro países distintos.
Así, en España concorrerán como socios colaboradores o Concello de Lalín, o de Caldas de Reis, a Deputación de Pontevedra, e a Universidade de Santiago de Compostela.
En Portugal acolléronse a esta iniciativa a Cámara Municipal de Valença, a de Paredes de Coura, e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
Francia será outro dos socios do proxecto, coa Asociación de Cámaras de Agricultura do Arco Atlántico e a Universidade de Brest.
Tamén se están ultimando negociacións con Irlanda, que probablemente será o cuarto país que se sume a esta iniciativa nos vindeiros días.
I Xornada Formativa
O Centro de Desenvolvemento Rural e Agrario de Silleda, organiza este venres a súa primeira Xornada Formativa, que arrancará ás 16.00 horas na Casa de Cultura, e na que intervirán o ex-presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, Belén Matilla, xerente de Lutega, José Luís Olmedo, da Corporación Hijos de Rivera, e Jacobo Prado, director xerente de Invergalia.