-O alcalde trasdezá acude, xunto con representantes de unha ducia de concellos, a estas xornadas trala invitación da Deputación de Pontevedra
Silleda, 2 de xuño de 2016. O alcalde de Silleda acode xunto con representantes de outros doce concellos e o vicepresidente, o deputado provincial de mobilidade, e outros dirixentes da Deputación de Pontevedra, ao seminario “Cidade dos nenos” de Tonucci, que terá lugar durante todo o día de hoxe en Granada.
Neste encontro, organizado polo investigador italiano Francesco Tonucci, (Frato), exporanse as diferentes experiencias de cidades de todo o estado que xa están a aplicar a filosofía de tomar aos nenos e nenas como referencia das necesidades de toda a cidadanía.
Así mesmo, a expedición pontevedresa tamén visitará a exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato”, que reúne traballos e viñetas publicados polo pedagogo e debuxante, que reflexan a aposta por deixar aos nenos e nenas desenvolverse de maneira autónoma.
Esta viaxe a Granada xorde despois de que a primeiros de ano, a Deputación de Pontevedra anunciara que tiña a intención de liderar e xestionar unha delegación do proxecto da “Cidade dos nenos”. Dende entón 16 municipios pontevedreses aprobaron en pleno a súa adhesión á rede. O Concello de Silleda fíxoo mediante unha proposta da alcaldía presentada ao pleno celebrado o pasado trinta e un de marzo.
Dado o interese amosado por parte dos concellos, a Deputación organizou esta viaxe ata Granada para que todos os representantes municipais poideran acudir ao seminario.
O proxecto das “Cidades dos Nenos” basease en dous piares fundamentais: que as nenas e nenos participen no goberno da súa cidade, e recuperen a súa autonomía mediante un deseño dos espazos públicos axeitado. Neste último aspecto, o sociólogo italiano propón a utilización dos camiños escolares como primeiro chanzo para actuacións máis globais.
En declaracións do rexedor silledense, éste considera que “é unha boa oportunidade para coñecer actuacións que se están a facer en outras localidades a este respecto, e coller referencias para aplicar nas nosas vilas á hora de facer algunha remodelación nun futuro, todo con vistas a facilitarlles o día a día aos nosos nenos e nenas”.