-Na sesión de hoxe abordáronse as reformas lexislativas e novas en materia de violencia de xénero, entre outros
Silleda, 10 de xuño de 2016. A Mesa para a Erradicación da Violencia de Xénero do Concello de Silleda, creada a principios de 2009, celebrou hoxe un novo encontro con varios puntos na orde do día.
Na sesión, presidida pola concelleira de Igualdade, Pili Peón, participaron a directora e a psicóloga do CIM, (Carmen Miranda e Anxos García), representantes da comunidade educativa, Mª Ángeles Gulías, do CEIP Ramón de Valenzuela, Ángeles Gómez, do CEIP Silleda, e Rosa Andrade, do IES Pintor Colmeiro. Tamén asistiron membros das forzas de seguridade, Pastor Paz, representante da Garda Civil, o inspector da Policía Local, José Manuel García, e Javier López, Policía Xudicial do Grupo EMUME, (menores), así como Mª Paz Pérez Asorey, xefa da Unidade Contra a Violencia á Muller da Subdelegación do Goberno.
O primeiro punto da orde do día foi o dar conta das reformas lexislativas e outras novidades en materia de violencia de xénero.
Logo presentouse Escapp, unha aplicación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración co CPEIG, que ten por obxectivo proporcionar información de utilidade ás mulleres que se atopan en situación de violencia de xénero e a todas aquelas persoas que poidan axudar a acabar con este tipo de situacións.
Tras dar conta do programa do Concello de Silleda para a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia machista para o presente ano, avaliáronse as estatísticas e a Área de Violencia de Xénero do II Plan de Igualdade do concello.
Na xuntanza tamén se tratou dos casos acaecidos no municipio ata o primeiro semeste de este ano. Actualmente existen no municipio tres ordes de alonxamento vixentes, o que supón un 0,34% das situacións desveladas na provincia.
Os tramos de idade tanto das vítimas coma dos agresores sitúanse entre os 31 e os 65 anos, sendo as idades comprendidas entre os 45 e os 65 anos as máis afectadas.
O orzamento da Mesa, a programación anual e calendarios de actuación para o 2016 foron outros dos asuntos tratados.