-A previsión da Concellería de Deportes pasa por abrir as instalacións de Silleda e A Bandeira na primeira semana de xullo
Silleda, 16 de xuño de 2016. Técnicos da Concellería de Deportes de Silleda están xa a traballar na posta a punto das piscinas municipais de Silleda e da Bandeira para a tempada estival. Esta semana comezaron xa as tarefas de limpeza e acondicionamento dos recintos que abrirán as súas portas ao público o vindeiro mes.
A previsión do Concello pasa por abrir as piscinas na primeira semana do próximo mes de xullo.
Contratación de socorristas
Tamén de cara á apertura das piscinas municipais o goberno municipal xa enviou as bases ao BOP, que serán publicadas na vindeira semana, para a contratación dos tres socorristas que atenderán nesta tempada estival os dous recintos.
O custe da entrada será de 1 euro, tal e como se recolle na ordenanza de instalacións deportivas, e abonarase nas propias instalacións, onde tamén se impartirán como vén sendo habitual cursos de natación.
Ao igual que en anos anteriores tamén se venderán no Concello bonos para esta tempada. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Para os dous cónxuxes custarán 20 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, 8 euros, e cun terceiro sairía gratuíto para toda a familia.
Cursos de natación
As persoas interesadas en acudir aos cursos de natación, que se impartirán en horario de mañá, poden anotarse nas propias piscinas dende o día da apertura, ou facelo dende xa na Casa da Xuventude. Coma todos os anos, haberá dúas modalidades de curso, de iniciación e de perfeccionamento.