Visita da unidade móbil para a inspección obrigatoria dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios en Silleda

Silleda, 17 de xuño de 2016. A unidade móbil para a inspección obrigatoria dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios visitará o municipio de Silleda durante o vindeiro mes de xullo. Estará ubicada durante varias xornadas en diferentes puntos.

Todas as máquinas de fitosanitarios de máis de 100 litros de capacidade e máis de 5 anos de antigüidade están obrigadas a inscribirse no R.O.M.A., (Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola), e realizar a inspección ITEAF antes do 26 de novembro do presente ano.

Para tal fin, habilitaranse catro puntos de inspección en todo o municipio, para os que haberá que solicitar cita previa para acudir a pasar a revisión nos teléfonos 986.585.726, (Ausama), 986.580.084, (Mecánica de Campo), e 986.585.574, (Hermanos Villar).

Así, o calendario de inspección será o seguinte: Laro, (campo da festa), o día 11 de xullo, con data límite para pedir cita o 8 de xullo; Escuadro, (fronte ao cemiterio), o 12 de xullo, cita ata o 11 de xullo; A Bandeira, (Rúa da Esmorga), o 27 de xullo, data límite para citas o 26 de xullo, e en Silleda, (detrás do ambulatorio), o 28 de xullo, con emisión de citas ata o 27 de xullo.

Dende a empresa autorizada para a realización de estas inspeccións comunican as condicións necesarias que deben cumprir as máquinas para superar este trámite, así coma os requisitos que se esixirán a tal efecto.

Así, é obrigatorio a alta da máquina no R.O.M.A., (para o que se deberá presentar a cartilla o día da inspección), que o número de bastidor estea en lugar visible, a limpeza interior e exterior da máquina e que esta non presente fugas, levar o depósito a 2/3 ou cheo de auga limpa con compensador de presión e volume visible. Revisarase tamén a protección do árbore de transmisión e a toma de forza, (con cadea antixiro), que a máquina teña un manómetro axeitado, as boquillas limpas e iguáis, con unha pulverización homoxénea e sen goteiras, e que presenten os filtros obrigatorios, (na toma de auga, antes da bomba e despois da mesma).

Pódese obter máis información na páxina web www.nagarservicios.com/iteaf, ou chamando ao teléfono 981.792.519