-Este cambio na circulación da rúa fora aprobado no pleno do 26 de maio, con vistas a aumentar e mellorar o estacionamento de vehículos na zona
Silleda, 27 de xuño de 2016. Esta mañá deron comezo os traballos de remodelación da circulación na Rúa do Agro de Silleda.
Esta actuación, levada ao pleno do pasado 26 de maio como proposta da alcaldía, alegaba a falta de estacionamento na zona, (o que complicaba o acceso ao concello, á oficina de correos e a distintos establecementos próximos), e o incremento notable da capacidade de estacionamento ao implantar na vía un so sentido de circulación.
Os traballos, que foron adxudicados á empresa Construcciones Areán, converterán á Rúa do Agro nunha vía de sentido único de circulación, que discorrerá dende a Rúa Trasdeza á Rúa Camiño dos Castros de Toiríz. Tamén se procederá á sinalización correcta da rúa en consecuencia coa nova circulación e se pintará unha liña lonxitudinal descontinua de delimitación de arcén de estacionamento na marxe esquerda da rúa, o que duplicará o espazo actual.
Para cumprimentar estas accións, construirase un pequeno tramo de beirarrúa na marxe esquerda da vía no seu entronque coa Rúa Trasdeza, onde agora un inmoble interrompe a acera e obriga aos peóns a invadir a calzada.