Casting en Silleda para unha nova serie de televisión

– Unha produtora coruñesa busca homes e mulleres de entre 16 a 60 anos 

– As probas celebraranse o mércores e o xoves na casa de cultura de Silleda

Silleda, 1 de xullo de 2016. A productora Voz Audiovisual necesita figurantes para o reparto dunha nova serie de TVE e TVG que gravará en Silleda a partir de agosto e ata novembro. Por iso a próxima semana organiza un casting de actores. Será o mércores 6 e xoves 7 na Casa de Cultura de Silleda, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Aínda que a convocatoria é bastante ampla, xa que abrangue a homes e mulleres de 16 a 60 anos, hai certos requisitos que se deben cumprir: han de ser de procedencia caucásica, (europea ou norteafricana); os homes teñen que estar en boa condición física, co pelo curto, medio, ou longo, pero que sexa uniforme, sen mechas nin cores; e non se admitirán en ningún caso figurantes con tatuaxes.

Búscanse persoas con experiencia no traballo con animais, o manexo de ferramentas, (labores de artesanía, tipo albanelería, cantería, carpintería, olería, ferrería, coiro, traballos de campo, etc.); tamén a homes que practiquen esgrima, tiro con arco, remo, loita, ou saiban montar a cabalo.

Os interesados deben de ter dispoñibilidade para traballar en Silleda e arredores, entre os meses de agosto e novembro. Todos han de presentarse co DNI e o número da Seguridade Social, e estar en situación de poder ser contratados de forma inmediata.

Para calquera dúbida, os interesados poden escribir a esta dirección de correo: ana.fontan@vozaudiovisual.com