Silleda, 22 de agosto de 2016. O Concello de Silleda, a través do departamento de Turismo que dirixe Ana Luisa González Costa, levará a cabo un proxecto de mellora da accesibilidade e sinalización nos dous enclaves turísticos do municipio, a fervenza do río Toxa, na parroquia de Pazos, e o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.
Este proxecto vén de recibir o visto bo de Turismo de Galicia, que achegará unha aportación de 27.012, 45 euros, cantidade que se corresponde co 55% do investimento previsto.
A actuación inclúe diversas actuacións que redundarán nunha mellora destes dous espazos, que reciben cada ano a milleiros de visitantes. Así, contemplase a modificación do acceso á Fervenza.
Para elo crearase unha nova zona de aparcamento, que se situará nas inmediacións da igrexa parroquial de Pazos. Ubicaráse nunha parcela do Adif, para a que xa se solicitou a súa desafección. Dende alí peatonalizarase o acceso ata o mirador, nun tramo duns 500 metros. Tamén se mellorará a a baixada á fervenza, coa colocación de travesas de madeira e terra prensada. Neste tramo colocaranse ademáis balaustres de madeira para salvar as zonas de maior desnivel. Será unha actuación respetuosa co medio, tendo en conta que se trata dunha zona incluida na Rede Natura. “Con esta modificación peatonalizamos o acceso á Fervenza do Río Toxa, mellorando a accesibilidade a este entorno natural”, explica a concelleira de Turismo.
Así mesmo, arranxarase a zona de Quintás, no entorno da Fervenza, para permitir o acceso con vehículos das persoas con mobilidade reducida.
Completa as actuacións xunto a fervenza a mellora da ponte de ferro, sobre o río Toxa.
Roteiro por Martixe e aparcamento en Carboeiro
A sinalización do roteiro dende Pazos a Carboeiro por Martixe é outra das iniciativas que se levarán a cabo. Neste tramo da senda tamén se prevé recuperar e sinalizar dúas fontes de auga termal, unha delas situada xunto ao mosteiro románico.
En Carboeiro tamén se arranxará a zona de aparcamento xunto á entrada ao mosteiro coa dotación de terra compactada.
No tocante á sinalización colocaranse novos indicadores para acceder aos dous enclaves dende distintos puntos, tanto dende a estrada nacional Santiago-Ourense (N-525), como a estrada Bandeira-Cruces, ou a estrada provincial que discorre entre Silleda e Carboeiro. “Con estas actuacións queremos mellorar os dous puntos con maior afluenza de visitantes, realizando distintas obras que ao mesmo tempo continuarán poñendo en valor estes dous enclaves”, indica a concelleira de turismo, Ana Luisa González.