Silleda, 21 de setembro de 2016. O rexedor silledense, Manuel Cuiña, e o director do Hotel Vía Argentum, José Jaime Ferrer asinaron hoxe o convenio para a cesión temporal de instalacións, onde se realizarán algunhas das actividades das Escolas Deportivas Municipais 2016-2017. Logo de varios anos sen actividades nas depedencias do spa, a través deste acordo volverán a retormarse as clases de natación e aquagym dentro da oferta deportiva municipal.
O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Deportes, Ana Luisa González agradecen ao Hotel Vía Argentum o acordo acadado “gracias ao que Silleda poderá recuperar actividades deportivas con moita demanda”, engaden.
“A colaboración con distintas entidades, veciños e asociacións é unha das claves no día a día da xestión municipal. E neste caso temos que agradecer ao hotel que accedese a cedernos o uso da piscina en determinadas horas durante dous días á semana para permitir que moitos veciños e veciñas de Silleda poidan acudir a novas modalidades deportivas”, explica o alcalde.
Ao igual que en anos anteriores, o Concello de Silleda abonará mensualmente unha cantidade ao hotel. Neste convenio fíxase un importe de 350 euros máis IVE polo uso da piscina de spa As actividades de natación e aquagym terán lugar os luns e mércores. Todas aquelas persoas que desexen inscribirse ou recibir máis información poden anotarse na Casa da Xuventude, que está aberta en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Con estas dúas novas actividades son xa 19 as modalidades deportivas que ofertan as escolas silledenses para esta tempada. A inscrición continúa aberta durante este mes e as clases iniciaránse o vindeiro mes de outubro.