Silleda, 14 de outubro de 2016. O goberno municipal de Silleda levará ao vindeiro pleno ordinario do mes de novembro unha moción para instar ao Ministerio de Fomento a que asuma as actuacións previstas no Castro de Toiriz a través do denominado “Programa Provincial integral para o aproveitamento turístico de 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra”.
Dito programa foi conveniado entre o Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra en marzo de 2015, cun orzamento que superaba os 6 millóns de euros.
A concelleira de Turismo, Ana Luisa González, lembra que o Concello de Silleda asumiu as tarefas de limpeza do castro de Toiriz “por responsabilidade e pola necesidade de acometer estes traballos, xa que tal e como informamos no seu día, no caso de que non se realizasen as actuacións previstas neste convenio, se realizarían dende a Administración Local”, engade, explicando que a finais do pasado mes de setembro dende a Deputación se comunicou que o Ministerio de Fomento non ten previsto actuar ata novembro de 2017, no relativo a proxectos, e ata 2018 para a contratación de obras.
Dende o goberno local advírtese que “as actuacións previstas no citado convenio van máis alá da retirada de maleza, xa que se incluían outras accións de posta en valor coa apoio dun arqueólogo, como a mellora da sinalización e accesos”.
“O Ministerio de Fomento non pode eludir así as súas responsabilidades e actuar con esta desidia”, remarca o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que dende a Deputación xa se reiterou en varias ocasións ante o departamento estatal a necesidade de actuar nestes 18 castros, entre eles o de Toiriz.
“Lamentablemente vai alá máis de un ano e medio e o único que fixo Fomento foi un concurso de ideas para adxudicar o proxecto de accións, mentres que dende a Deputación xa se executou máis da metade do orzamento comprometido”, sinala.
Cuiña agarda “que todos os grupos apoien esta proposta no Pleno para esixir a Fomento que asuma dunha vez por todas a parte que lle corresponde nesta actuación”, engade.