Silleda, 24 de outubro de 2016. A Mesa de Contratación do servizo de recollida de lixo no municipio de Silleda reuniuse hoxe por última vez para proceder a apertura dos sobres coa oferta económica das tres empresas que se presentaron ao concurso. Vistas as ofertas e o informe remitido pola Deputación de Pontevedra que se solicitou por parte do Concello sobre as valoracións técnicas, a Mesa elevará o pleno a súa proposta para adxudicar o servizo á firma Urbaser.
Esta entidade presentou a mellor oferta económica, con 188. 978 euros anuais ( o prezo de licitación era de 210.000 euros ao ano), así como unha serie de melloras. Entre elas figuran o aumento de colectores de carga lateral –que xa se usan en Silleda e A Bandeira- con 41 novas unidades; e o reforzo de unidades no rural, coa dotación doutros 60.
Entre as melloras destacadas na oferta de Urbaser figura tamén un considerable aumento na frecuencia dos lavados de colectores proposta no Prego de condicións. Unha das novidades da adxudicación do servizo, que se realiza por un periodo de 4 anos é a dotación de recollida selectiva (colector amarelo) no rural.
A empresa figura no informe realizado pola Deputación coa mellor puntuación respecto á planificación de explotación do servizo (rutas, frecuencias, lavado de colectores, persoal…)
Así mesmo, tal e como se recolle nos pregos a concesionaria realizará unha campaña anual de concienciación entre a poboación, coa edición de dípticos e a celebración de charlas nos centros educativos, entre outros.
O alcalde, Manuel Cuiña, advirte que o novo servizo co que se incorporan melloras considerables na xestión dos residuos en todo o termo municipal, comezará a funcionar previsiblemente a finais de ano, tendo en conta a tramitación administrativa que hai que realizar.
Así, unha vez aprobado no Pleno a empresa proposta disporá dun prazo de 20 días para presentar a documentación e avais requeridos antes da firma do contrato correspondente.