Silleda, 27 de outubro de 2016. O vindeiro xoves día 3 de novembro iniciarase na Casa da Cultura de Silleda un dos ciclos organizados pola Concellería de Cultura. Trátase do curso de elaboración de xabróns e cosmética natural, que terá lugar todos os xoves (en horario de 19:00 a 21:00 horas). O curso aínda ten prazas libres e as persoas que desexen anotarse poden facelo no Concello (986 580000). O prezo é de 15 euros ao mes.
Este ciclo ofértase tamén no rural, no caso de que se xunte un mínimo de inscritos nas parroquias, ao igual que no resto dos cursos.
“A día de hoxe temos moitas solicitudes de celebración de cursos que se irán concretando nos vindeiros días”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
Tamén o vindeiro mes de novembro se iniciarán en Silleda, na Casa da Cultura, outros dous cursos ofertados dende o Centro de Desenvolvemento Agrario : o de Poda e enxerto e o de Horta Ecolóxica.
O de poda comeza o 25 de novembro e será os venres de 19:00 a 21:00 horas. Este ciclo, de 20 horas, celebrarase ata xaneiro. O de horta ecolóxica arrancará o 30 de novembro, e será os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Celebrarase ata o 1 de febreiro.
As persoas que desexen participar aínda poden anotarse no Concello. Estes dous cursos teñen un custe de 15 euros, que será de 7,50 no caso de persoas que se atopen en situación de desemprego. Dende o Centro de Desenvolvemento Agrario ofértanse ademais cursos de xardinería básica, plantas medicinais e aromáticas e de plantas que curan plantas, sobre a aplicación en árbores e cultivos de plantas con propiedades antifugicidas e enraizantes, entre outras, coma o allo, fento, dente de león…
Tamén se celebrará en xaneiro e febreiro o curso de iniciación á Apicultura, que tamén está a despertar interese entre os veciños e veciñas.
21 ciclos para os Centros Sociais dos rural
No tocante os ciclos do rural estrutúranse en tres bloques. Así ofértanse cursos deportivos (aerobic-baile; ximnasia de mantemento; zumba, pilates bailes de salón e como novidades baile moderno e defensa persoal para mulleres); de didáctica corporal (teatro, expersión corporal e como novidade danza contemporánea); e cursos de expresión artística (calceta, manualidades, cestería, pintura, pintura de tela, centros de mesa con material reciclado, arte floral con flor artificial, cociña, repostería e elaboración de xabrón natural).
Nas últimas semanas xa se pecharon algúns no rural coma o de pintura en Rellas e en vindeiras datas agárdase que comecen outros novos. O prezo é de 15 euros mensuais. As persoas interesadas poden ponerse en contacto coas asociacións veciñais ou delegados das parroquias.
No programa Silleda Form@cción, dirixido á vila de Silleda comeza agora o de xabróns e cosmética natural e ofértanse tamén os de manualidades, calceta, cestería, arte floral e fotografía.