Silleda, 28 de outubro de 2016. A empresa que se encargou da dotación do parque infantil da Bandeira está hoxe venres traballando na reparación do pavimento, que se atopaba en moi mal estado. Dous operarios traballaron nas reparacións precisas para deixar o recinto nas debidas condicións, logo de que se detectaran afundimentos e cortes no pavimento deste parque, moi frecuentado na localidade.
O pasado mes o Concello remitiu á Deputación, entidade licitadora das obras, unha solicitude para esixir á empresa o arranxo da instalación. A petición iba acompañada dun informe técnico realizado o pasado mes de agosto e no que se recolle o “elevado estado de degradación” en varios puntos do pavimento. Dado o tempo transcorrido dende a súa execución, no informe dedúcese que as roturas se producen por unha baixa resistencia do material empregado.