Silleda, 29 de outubro de 2016. A Deputación de Pontevedra xa ten consignados máis de 400.000 euros para iniciar os traballos da agardada remodelación do campo de fútbol da Bandeira. Así o informou onte venres o deputado provincial de Cooperación, David Regades, que visitou o campo da Gandareira acompañado polo alcalde, Manuel Cuiña, e os concelleiros silledenses de Obras e Deportes, Klaus Brey e Ana Luisa González.
Regades adiantou á directiva do club S.D Bandeira, que nos vindeiros días a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinará o convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda para acometer a primeira fase das obras, coa dotación dun novo terreo de xogo que se dotará de herba artificial.
Unha vez asinado, o Concello de Silleda encargarase da licitación dos traballos que se completaría nunha segunda fase coa dotación de novos vestiarios, gradas e outras melloras.
Esta primeira inversión supón máis do 50% do orzamento previsto no proxecto redactado dende a Administración Local, que xa asumiu a dotación de iluminación no campo e a compra dunha parcela para ampliar o campo da Gandareira.
“Dende a Deputación de Pontevedra valoramos de xeito moi positivo este investimento. Cremos que toda a provincia debe de contar coas infraestruturas necesarias para desenvolver actividades, e neste caso trátase dunha actuación moi demandada pola poboación”, sinalou o deputado David Regades.
O alcalde, Manuel Cuiña, amosou a súa satisfacción e agradecemento pola sinatura do convenio “que permitirá iniciar os traballos para unha actuación moi agardada e necesaria á vista do estado do terreo de xogo”, engade.