Silleda, 31 de outubro de 2016. O Concello de Silleda recolleu neste ano 2016 un total de 122.200 kilos de plásticos agrícolas e de invernadoiros a través da oitava campaña organizada dende as Concellerías de Medio Ambiente –que dirixe Klaus Brey- e a de Medio Rural, a cargo de Jesús Taboada.
A campaña iniciouse o pasado mes de abril, ca primeira fase de recollida, que se saldou cun total 77.300 kilos retirados a través de 102 avisos. A pasada semana celebrouse a segunda fase coa recollida de plásticos en distintos puntos do termo municipal a través de 89 avisos. Recolléronse un total de 44.900 kilos, “o que supón todo un éxito, xa que conseguimos recuperar este material para a súa correcta reciclaxe”, indica o concelleiro de Medio Ambiente Klaus Brey lembrando que os plásticos tardaría uns 500 anos en degradarse.
Do mesmo xeito, o concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada , agradece aos gandeiros e gandeiras do municipio o seu esforzó e colaboración coa campaña municipal.
Esta oitava edición do Programa de Recollida de Plásticos Agrícolas, logo do acordo entre o Concello de Silleda e a entidada Solucións Integrais para o Medio Ambiente (SIMA), rematou pois cun total de 122.2000 kilos de plásticos retirados.
Punto Limpo
Por outro lado, lémbrase aos usuarios que o Punto Limpo segue a súa disposición de xeito gratuito todos os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas. Aquí poden depositarse grandes e pequenos electrodomésticos, aparellos electrónicos e outros que polas súas dimensións non se poidan verter nos colectores urbanos, tales como mobiliario do fogar, colchóns, materiais inertes de obras domésticas, pilas, aceites usados…