Silleda, 15 de novembro de novembro de 2016-. O Concello de Silleda iniciará o vindeiro venres o traballo de reposición do alumeado nos tramos das rúas Chousa Grande e Esmorga, na vila da Bandeira. Estas dúas rúas estaban sen servizo de alumeado, logo de que no ano 2013 os ladróns sustraeran todo o cable. Operarios municipais procederán a finais de semana a iniciar os traballos para colocar preto de 1.000 metros de cableado en Chousa Grande, tarefas necesarias para o funcionamento das luminarias.
Esta circunstancia afectaba tamén á rúa Esmorga, adxacente a este tramo. Os danos valoráronse daquela en máis de 6.000 euros. Dende o Concello de Silleda, o alcalde, Manuel Cuiña, lembra que ademais do roubo do cable o retraso do alumeado nesta zona tamén veu motivado polos problemas existentes no seu día con Hidroeléctrica, á que houbo que pagar 15.000 euros por novas altas. “Xusto despois de abonar esa débeda, o inoportuno roubo do cable frenou daquela a dotación do alumeado nesta zona da Bandeira”, indica Cuiña.
Agora, e continuando coas tarefas de mellora no alumeado público e no marco do plan de aforro enerxético posto en marcha polo goberno municipal, estas dúas rúas da Bandeira “por fin contarán con alumeado”, engade o rexedor.
Cuiña, que se achegou hoxe ata a zona co concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, e personal técnico municipal, lembra que o Concello xa acometeu o pasado mes de abril a reposición do cable na recta da Mera, onde os ladróns tamén sustraeran todo o cableado hai tempo.
Neste caso a reposición acometeuse o pasado mes de abril, coa dotación doutros 2.000 metros de cable.
A da Bandeira era unha das actuacións pendentes que quedará solventada nos próximos días. “Agora daremos resposta a esta xusta demanda dos veciños e usuarios, completando tamén o servizo nunha zona moi traansitada pola xente que a diario pasea pola contorna da Bandeira”, apunta o alcalde.