Silleda, 5 de decembro de 2016. Hoxe quedou aberta ao público na sala Pintor Colmeiro da Casa da Cultura de Silleda a mostra sobre o traballo de investigación da toponimia e lendas do municipio realizado polo alumnado do IES Pintor Colmeiro. A concelleira de Educación, Pili Peón, e o director do instituto, Jesús Fernández Sulleiro interviron no acto de apertura ao que acudiron os alumnos e alumnas de Primeiro da ESO do Pintor Colmeiro.
O traballo fora presentado o pasado ano no Museo do Pobo Galego, logo de recibir o recoñecemento no marco do IX Proxecto Didáctico Antón Fraguas, da fundación que leva o nome deste historiador, escritor e antropólogo.
Dirixido polo profesor Xoán Carlos García Porral e coordinado tamén polo equipo de Dinamización Lingüística As Ferreiras do IES Pintor Colmeiro contou tamén coa edición do libro “A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda”. Nesta publicación, na que colaborou o Concello de Silleda, recóllense ao longo de case 300 páxinas as lendas e toponimias do municipio silledense.
Estos libros, que foron distribuidos dende o Concello a todos os centros educativos, bibliotecas, asociacións e se repartiron tamén no Culturgal de 2015 (este ano formarán parte da mostra de publicacións de Silleda nesta feira das Industrias Culturais en Pontevedra), entre outros, continúan a disposición do público na Casa da Cultura de Silleda. Todas as persoas que desexen contar cun exemplar poden recollelo neste centro municipal.
Material audiovisual e un traballo interxeracional
A exposición está formada por 10 paneis, rollers, mapas e a proxección de traballos audiovisuais sobre o desenvolvemento do traballo realizado polo alumnado do centro silledense, ademais de polos citados libros.
A concelleira de Educación, Pili Peón, resaltou a importancia deste “extenso traballo feito polos alumnos e alumnas, que servirá para conservar as nosas lendas e o rico patrimonio toponímico”.
Así mesmo, Pili Peón fai un chamamento á veciñanza para coñecer “de primeira man o inxente e valiosísimo traballo realizado polos alumnos e alumnas do IES Pintor Colmeiro sobre a nosa toponimia e lendas, aspectos que forman parte tamén da nosa historia”, engade.
Tanto a concelleira coma o director do IES destacaron además o carácter interxeracional desta iniciativa “interconectando aos alumnos cos maiores, que son tamén os gardiáns da nosa historia”.