Silleda, 5 de decembro de 2016-. A vindeira fin de semana estrenarase en Silleda unha nova cita gastronómica. A Festa do Porco celebrarase baixo unha carpa na rúa Pintor Colmeiro nas xornadas do sábado día 10 e o domingo 11.
Alí despacharánse máis dunha ducia de distintos pratos servidos en ración. O prezo será de 3 euros para as racións de fuciño, lingua, orella, patas, cacheira, panceta, costela, lacón cocido, xamón curado, raxo, rabo e empada de raxo e de chourizo e panceta. Tamén se servirán chourizos (1 euro unidade), e pataca e verzas (1,50euros). Así mesmo ofertaránse de sobremesa cañas asadas (1,50 euros a ración) , queixo con marmelo (1,75), ou filloas á pedra (3 unidades por 3 euros). Todos os platos preparanse en vivo baixo a carpa.
Serviránse o sábado de 12:30 a 16:30 e de 19:00 a 23:00 horas e o domingo de 12:30 a 16:30 horas.
Este evento organizado pola Asociación da Comisión das Festas de Verán de Silleda 2017 contará coa presentación do coñecido humorista Xosé Antonio Touriñán o sábado ao mediodía. Tamén actuará o grupo Aires do Trasdeza. Pola tarde noite do sábado actuarán ademais os Sin Son Gaiteiros e o grupo Canela, co coñecido vocalista Javier Comesaña. O domingo a animación musical correrá a cargo da Banda Xuvenil de Silleda e dun grupo de música tradicional
Nesta cita colaboran os restaurantes locais A Culler, Carballeira do Chousiño, Coteliño, Esther, González, Maril, O Rubio, Os Toneles, Ricardo e Trujillo, así coma o Concello de Silleda, os produtores locais de porcino, ECOS, a Asociación de Empresarios de Silleda, Asociación de Hostalería, Asociación Cultural O Lacón, carnicerías locais e a Fundación Semana Verde.
Corte dun tramo da rúa
Por outra banda, dende hoxe luns e ata o día 12 quedará pechado ao tráfico o último tramo da rúa Pintor Colmeiro, entre a rúa Antón Alonso Ríos e a Emilio Alonso Paz, por mor das tarefas de montaxe e desmontaxe da carpa e outras instalacións necesarias para a celebración da festa.