O Concello de Silleda licita a construcción e xestión do Centro de Día Residencial

Silleda,  10 de decembro de  2016.  O Concello de Silleda saca a concurso por procedemento aberto a concesión demanial para a construcción e explotación da Residencia da Maiores e Centro de Día, que se ubicará na parcela municipal xunto ao recinto feiral silledense.

O proxecto construtivo e a concesión para a construcción e xestión da residencia foron aprobados no Pleno do pasado xoves día 24 de novembro. Segundo se recolle no anuncio de liticación, que xa pode verse xunto cos pregos de cláusulas administrativas no Perfil do Contratante da páxina web municipal (www.silleda.gal) , as empresas que opten ao proceso terán un prazo de 26 días naturais,  contados a partir do día seguinte á publicación do citado anuncio no BOP.

O anuncio xa foi remitido ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e publicarase así mesmo na Plataforma de Contratación do Estado e no Boletín da Unión Europea.

A concesión que sae a concurso establece un mínimo de 40 prazas de Residencia (ampliables a 60) e 15 de centro de día,  coa posteiror xestión de ámbolos dous servizos durante un prazo de 75 anos.

 

 

O proxecto construtivo que se toma como base ten un orzamento total de construcción por contrata de 1.746.900,49 euros.

Esta actuación, unha das máis ambiciosas e prioritarias para o goberno municipal, realizarase mediante a chamada fórmula legal da concesión demanial, ligando a construcción da residencia a súa futura xestión.

A residencia construirase na parcela municipal situada preto do recinto feiral, cunha superficie de 8.251,40 metros cadrados. Este terreo, valorado en 247.542 euros, pasou a converterse en municipal logo do histórico acordo de compensación de débedas entre o Concello e a Fundación Semana Verde.

Nos pregos recóllese que a concesión demanial do terreos será por un periodo de 75 anos. A firma que resulte adxudicataria esixelle a construcción e posterior xestión do centro –sen que poidan separarse ámbalas dúas facetas- invertindo en torno a 2 millóns de euros na construcción, ademais de contratar o persoal e xestionar o servizo durante a concesión.

A dotación dunha residencia para maiores con Centro de Día é unha das maiores demandas de Silleda dos últimos anos, cunha poboación altamente envellecida, ao igual que moitos municipios do interior de Galicia.

Segundo se recolle nos pregos, deberán de reservarse 12 prazas, como mínimo, para usuarios veciños e veciñas de Silleda, cun prezo que nunca deberá ser superior aos 1.000 euros en habitación doble, 1.300 en habitación individual ou 1.700 en estancia para asistidos.

Así mesmo establécese que nas listas de agarda terán prioridade os veciños e veciñas de Silleda. Tamén para as prazas do Centro de Día se establece un prezo nunca superior aos 300 euros mensuais para os silledenses (ou o seu equivalente en días) e un prezo estipulado de 3,60 euros para o xantar.

Servizo en funcionamento nesta lexislatura

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña,  advirte que con esta fórmula se cumprirán os prazos previstos de ter en funcionamento a Residencia nesta lexislatura. Así, lembra que os pregos da concesión fixan un máximo de 1 ano e medio para ter o centro en funcionamento dende a adxudicación da concesión.

Estímase que o proceso previo do concurso público levará uns seis meses. Unha vez resolto o concurso, a empresa que resulte adxudicataria disporá dun mes para iniciar as obras, cando dispoña das pertinentes licencias. Dende o inicio das obras o prazo para rematalas é de 18 meses.

“Deste xeito, en dous anos teremos a residencia en funcionamento, co que estará lista nesta lexislatura, tal e como marcamos o noso obxectivo con esta importante e necesaria actuación”, indica o alcalde.