Silleda, 1 de febreiro de 2017. A empresa Urbaser comezou a traballar hoxe mércores día 1 no municipio de Silleda como adxudicataria do servizo de recollida de lixo. Nesta primeira xornada a empresa iniciou xa os traballos de lavado de colectores, unha das notables melloras que experimentará o servizo a partir de agora, con moita frecuencia ao longo do ano.
Así, os traballos de lavado comezaron nos cascos urbanos cos colectores de carga lateral, cun vehículo específico para este tipo de recipientes. Nos vindeiros días os traballos de lavado iranse extendendo tamén ás parroquias.
Así mesmo Urbaser procederá a colocar novos colectores tanto no casco urbano como en varios puntos do rural, “algo que tamén é moi necesario para mellorar o servizo de recollida, sobre todo nos puntos onde hai unidades deterioradas”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Campaña informativa e de sensibilización
Unha das grandes novidades que o Concello de Silleda introduxo nos pregos para a adxudicación foi a ampliación da recollida selectiva de lixo ás parroquias do rural, onde nas vindeiras semanas se procederá á colocación de colectores amarelos para os envases lixeiros. Esta novidade irá acompañada dunha campaña de concienciación para explicar aos veciños e veciñas do rural como proceder a seleccionar os envases para o seu correcto depósito.
“Os colectores colocaránse en determinados puntos de cada parroquia dos que se informará a poboación, ao tempo que se remitirán a todos os domicilios folletos informativos para explicar o proceso da recollida selectiva”, sinala o alcalde silledense.
“Fai anos contábamos con colectores amarelos que estaban repartidos para suplir a falta de unidades e facendo unha función que non lle correspondía. Agora por fin, o Concello de Silleda pode implantar o servizo de recollida selectiva para a reciclaxe de envases de plástico, bricks e latas, un servizo que na maioría dos concellos non existe nas zonas rurais”, explica Cuiña.
As previsións do Concello pasan por colocar estes colectores en todas as parroquias, naqules núcleos rurais de onde se concentre mais poboación.
Esta nova implantación para a recollida selectiva de residuos, que ata agora só se realizada en Silleda e na Bandeira, levará asociada unha campaña de información para os veciños e veciñas do rural. “É preciso informar das vantaxes de reciclar estes envases, explicar cómo funciona a recollida selectiva e concienciar aos veciños do rural e á poboación en xeral que canto mellor reciclemos, máis beneficios lograremos para todos, reducindo o gasto do servizo, a xeración de lixo e sobre todo cun maior respeto ao medio ambiente”, engade o alcalde.
A recollida selectiva realizarase como ata o de agora unha vez a semana nos cascos urbanos, e no caso do rural a frecuencia de recollida será quincenal.
O Concello de Silleda sacou a concurso o pasado ano o servizo de recollida, logo de levar a cabo melloras en 2015 como a implantación dos colectores de carga lateral nos dous cascos urbanos.
Urbaser resultou adxudicataria do servizo por un periodo de catro anos presentando unha oferta económica de 188. 978 euros anuais ( o prezo de licitación era de 210.000 euros ao ano), así como unha serie de melloras, caso do aumento de colectores ou da frecuencia de lavado dos mesmos.