Silleda, 3 e 4 de febreiro de 2017. O municipio de Silleda está a rexistrar numerosas incidencias por causa do forte temporal con vento e choiva da pasada madrugada. Durante toda a mañá operarios municipais e efectivos da Policía Local traballaron para solventar distintas incidencias, apoiando tamén as labores do Parque Intercomarcal de Bombeiros.
Árbores e polas caídas, muros e peches de parcelas, tendidos eléctricos, colectores tirados…. Protagonizaron a maioría das incidencias.
Entre as incidencias máis destacadas figuran o levantamento dun tellado na avenida do Parque de Silleda (que foi parar ao tellado dun edificio contiguo) ou a caída das placas doutro inmoble na Bandeira, que causaron danos no tellado dunha casa contigua.
Neste último caso foi preciso restrinxir o tráfico na rúa Xeral –na N-525-para realizar as labores de amarre pertinentes. A Policía Local de Silleda regulou o operativo no que os Bombeiros de Silleda subiron ao lateral do edificio mediante unha grúa.
As fortes rachas tamén derribaron unha valla publicitaria no Barrio do Campo de Silleda, que foi arrastrada sobre 50 metros.
En canto á retirada de árbores foi preciso actuar en Chapa (en dous puntos, xunto á N-525 e xunto á Capela de San Blas), en Dornelas, en Piñeiro, e tamén se produxo outra grave en Andamollo (Manduas)
Alí o vento partiu un carballo de grandes dimensións que caeu encima do cableado de teléfono e causou tamén danos na área recreativa deste lugar.
En canto aos problemas co alumeado e liñas telefónicas , rexistráronse incidencias en diversos puntos, entre eles Cortegada, Ponte ou Chapa, entre outros.
Así mesmo, houbo desprendimentos de peches en muros en varios puntos, entre eles nas rúas República Argentina e na rúa Morón.
Os servizos municipais tamén acotaron espazos urbanos para previr incidencias en puntos coma a avenida do Parque (por posibles desprendemenos de tellas, e outros).
Agradecementos
Dende o goberno municipal agradécese a colaboración cidadá nesta intensa xornada, xa que foron numerosos os veciños e veciñas que avisaron das incidencias e que mesmo axudaron aos operarios municipais e do servizo de recollida de lixo a levantar colectores que estaban tirados nas rúas.
Na a última hora da tarde coa entrada da nova borrasca rexistráronse tamén graves danos na cuberta do Centro Cultural Vista Alegre e nas placas solares do polígono Área 33, ademais de numerosas incidencias con árbores caidas, tendidos eléctircos, e varias parroquias sen suministro de luz.