Silleda, 17 de febreiro de 2017. O Concello de Silleda e a empresa Coviastec S.L. asinaron hoxe o contrato para a construcción da Residencia de Maiores e Centro de Día, logo de que o pleno acordara a adxudicación das obras e a xestión do servizo a esta firma ourensana.
“Hoxe é un día histórico para Silleda, porque por fin temos xa asinado o contrato que suporá a dotación dun dos servizos máis demandados polos veciños e veciñas”, apuntou Manuel Cuiña logo de asinar o contrato con Camilo Álvarez, xerente da empresa.
A constructora estima que os traballos do edificio, situado na parcela municipal xunto ao recinto feiral da Semana Verde, comezarán nun prazo de dous ou tres meses. Segundo se recolle nos pregos do concurso público e no contrato o edificio debe estar rematado nun prazo máximo de ano e medio dende o inicio da construcción.
Coviastec foi a única empresa que se presentou ao concurso público da concesión demanial para a construcción e xestión do futuro centro por un periodo de 75 anos.
O edificio contará finalmente con 59 prazas de residencia e outras 20 de Centro de Día.
A inversión total que realizará a empresa, con sede en Maside, ascende a 3.800.924 euros.
Así mesmo, o alcalde destaca que os silledenses terán neste centrounha das prazas de Centro de Día máis baratas de Galicia, cun máximo de 300 euros ao mes, e tamén unhas das prazas residenciais máis baratas da comunidade.
O edificio situarase na parcela municipal de algo máis de 8.000 metros cadrados situada preto do recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, un terreo que pasou a ser do Concello logo do tamén histórico convenio de compensación de débedas coa Fundación Semana Verde.
“Antes de que remate a lexislatura contaremos por fin, logo de moitos anos de espera, coa necesaria residencia de maiores”, indica Cuiña.