Silleda, 23 de febreiro de 2017-. As dúas actuacións do Obradoiro de Emprego Semente de Pedra 2016 de Silleda continúan avanzando a bo ritmo. O alcalde, Manuel Cuiña, e o o concelleiro de Urbanismo e Obras e Servizos, Klaus Brey, visitaron hoxe senllas actuacións, no entorno da praza da Igrexa de Silleda e na parcela onde se contruirá a Residencia e Centro de Día de Maiores.
No entorno da praza da Igrexa traballan os oito alumnos e alumnas do módulo de Canteiría e colocación de pedra natural, que xa iniciaron a construcción do muro de cantería con material similar o utilizado na recente reforma deste tramo. A actuación sobre este espazo público de tránsito peonil busca mellorar este entorno, eliminando barreiras e coa dotación de novo mobiliario urbano.
O alumnado tamén comezou a traballar coas pedras que formarán parte da fonte na que estarán representadas as 33 parroquias do municipio, unha orixinal proposta que ademais de mellorar a zona estéticamente tamén terá un carácter simbólico.
Cuiña e Brey, que estiveron acompañados pola directora do Obradoiro, María Carmen Vidal e polo autor do proxecto, Abraham Castro, visitaron despois a parcela municipal situada xunto ao recinto feiral na que se construirá a Residencia e Centro de Día de Maiores. Alí está xa tomando forma a zona de xardín, na que traballan as 12 alumnas do módulo de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes.
Neste caso, actúase no ámbito da urbanización interior da parcela, creando un espazo exterior de calidade destinado ao paseo e disfrute dos futuros usuarios e visitantes.
Esta zona divídese en tres socalcos: un máis forestal, onde se plantarán árbores autóctonos, outra de xardinerá traballada con estanque, e un último onde se colocará unha horta con fins terapéuticos e ocupacionais para os usuarios e usuarias. Nesta actuación os traballos de xardinería mistúranse cos de canteiría artística e a creación de elementos de mobiliario que potenciarán a paisaxe.
“Estánse a facer dúas actuacións que sen dúbida algunha deixarán a súa impronta no noso municipio”, sinalou o alcalde, que felicitou aos alumnos/as polo traballo que están a realizar. “As obras marchan segundo o previsto e nos próximos meses veremos o resultado desta iniciativa, tan necesaria para Silleda, onde levabamos dende o ano 2008 sen un obradoiro de emprego”, indica.
Neste senso Cuiña destaca a oportunidade que supón para os participantes esta iniciativa que combina traballo e formación, “ e da que esperamos acadar un bo nivel de inserción laboral”, engade.