Silleda, 27 de febreiro de 2017. O programa Avelaíña, para o público infantil e as súas familias, posto en marcha en 2015 pola Concellería de Cultura de Silleda, retoma a súa actividade o vindeiro venres día 10 de marzo coa posta en escea de “Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica”.
Esta sesión de contacontos teatralizada chegará a Casa da Xuventude ás 18:00 horas para nenos e nenas de ata 10 anos. A entrada é de balde.
A obra, escrita dirixida e interpretada por Carla Capeáns, conta a historia de Carmiña Miudiña unha pinga de auga que inicia unha singular viaxe. A historia apoiase nunha estética moi teatral, con monicreques de pau, e a interacción directa co público. Esta proposta, que chega da man de BocAberta Produccións trasmite valores coma o coñecemento do medio ambiente, a reciclaxe, a igualdade e tolerancia ou a solidariedade.
Actriz e contacontos con formación en diferentes técticas de interpretación, Carla Capeáns –unha das fundadoras da compañía BocAberta xunto con Roi Méndez e Beatriz Méndez- iniciou a súa andaina como contacontos no ano 2005, acandando xa entón o terceiro premio provincial na categoría de contacontos do programa “Entre nós, en galego”.
Actualmente traballa tamén como actriz no espectáculo infantil Ra, Ra, Ra, escrito e dirixido por Cándido Pazó e vén de colaborar con Talía Teatro en Sopa de sapo.
Esta iniciativa do programa Avelaíña vén a sumarse a outros espectáculos para o público infantil celebrados nos últimos meses coma a presentación de Fíos do Querer, o libro disco de Cé Orquestra Pantasma ou a sesión de contacontos de Raquel Queizás, entre outros.
Así mesmo, este programa municipal para os máis cativos e cativas da casa tamén oferta charlas e sesións informativas sobre temas de interese para as familias.