Silleda, 1 de marzo de 2017. O executivo municipal de Silleda vén de aprobar na Xunta Local de Goberno o proxecto de acondicionamento da antiga fonte e lavadoiro do lugar de Reboredo, na parroquia silledense de Taboada. Con esta intervención, que suporá un investimento total de 40.993 euros búscase mellorar este antigo conxunto e o seu entorno, favorecendo o seu emprego como espazo de lecer e interrelación entre a veciñanza.
O proxecto busca acondicionar este enclave e mellorar tamén o vial que discorre pola zona. A día de hoxe a fonte e o lavadoiro atópanse en desuso e a auga non é potable. A intervención plantexada mellorará os accesos con intinerarios peonís, a seguridade e accesibilidade e a estética deste conxunto tradicional.
A rehabilitación desta fonte e lavadoiro será un dos proxectos que o goberno municipal de Silleda presentará á convocatoria de axudas do programa Leader, -a través do GDR Terras de Pontevedra Norte- formando parte das propostas para recuperar entornos singulares do municipio.
“Con esta iniciativa buscamos recuperar un lugar degradado que era de uso tradicional por parte dos veciños e veciñas da localidade, seguindo a filosofía que iniciamos hai anos para rehabilitar espazos coma este”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
A fonte e lavadoiro de Reboredo está situada ao norte do lugar, a media baixads dun val en caída cara o río Deza, contando con amplas vistas panorámicas a un fermoso entorno natural. A fonte conta con tres caños de auga que se reparte para un abrevadoiro de gando, o lavadoiro e canles de regadío para varias fincas.