Silleda, 9 de marzo de 2017. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar o acordo coa empresa Blipvert para a instalación de dous mini puntos limpos urbáns nos núcleos de Silleda e da Bandeira.
Estas instalacións, sen custes para o Concello, contarán con depósitos para recoller ata sete modalidades de residuos. Así contarán con dous depósitos para pilas (convencionais, alcalinas, de petaca e de botón), e baterías de móbiles; un para teléfonos móbiles; outro para CD/DVD; un para cartuchos de impresora de inxección, para lámpadas de baixo consumo e outro para RAEES (residuos de aparellos electrónicos ou eléctricos que leven pilas ou se poidan enchufar á corrente).
O convenio terá unha duración de dous anos prorrogables por outros dous.
De momento aínda está por decidir a ubicación exacta destas instalacións, “coas que se busca facilitar aos veciños e veciñas o correcto depósito deste tipo de residuos sen necesidade de ter que achegarse ata o punto limpo ”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Estas instalacións virán a complementar a rede de recollida de residuos no termo municipal de Silleda que se vén mellorando dende os últimos anos e completándose cos colectores de aceites usados, ou os de roupa, calzado e textil, tamén dispoñibles para a cidadanía nos dous cascos urbanos.
Así mesmo, o Punto Limpo situado en Margaride, un servizo totalmente gratuito e para particulares, está aberto todos os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Recollida selectiva no rural
Por outra banda, dende a Concellería de Medio Ambiente lémbrase que nas próximas semanas se poñerá en marcha a recollida selectiva no rural, coa instalación de colectores amarelos para os envases lixeiros nas aldeas con maior poboación. “Será un gran avance en canto á xestión de residuos para o que esperamos a colabroación dos veciños”, sinala Cuiña, avanzando que se remitirán folletos explicativos a todos os domicilios do municipio de Silleda.