Silleda, 16 de marzo de 2017. O Concello de Silleda levará a cabo a reforma da piscina municipal de Silleda, situada no recinto deportivo da localidade. Estas instalacións públicas ao aire libre datan do ano 1987 e nalgúns aspectos presentan grandes deterioros.
Así no vaso da piscina principal véñense producindo desprendementos do material cerámico usado nos acabados. Tamén na chamada zona de playa (andéns perimetrais) hai baldosas movidas ou desniveladas que dificultan o tránsito e podrían ocasionar caídas.
“Nos últimos anos viñéronse rexistrando incidencias que apremiaban realizar esta actuación”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que se teñen producido cortes nalgúns casos.
“Con esta iniciativa, que xa tiñamos contemplada nos orzamentos municipais para este ano 2017 adecuaremos esta instalación deportiva, moi utilizada durante o verán, tratando de subsanar as deficiencias existentes”, sinala Cuiña.
A Xunta de Goberno Local na súa última sesión aprobou o proxecto para realizar estas obras, nas que se investirán 48.985 euros.
Os traballos consistirán na substitución do revestimento interior do vaso da piscina, así coma o levantado e reposición dos andenes perimetrais. Así mesmo, xunto con estas melloras realizaranse tamén obras de adaptación da piscina o á normativa existente, rebaixando a profundidade do vaso (ata 1,80 metros). “Estas son as medidas que marca a normativa vixente neste tipo de instalacións públicas e polo tanto aproveitaremos a reforma para realizar esta adaptación”, engade o alcalde.
“Con esta actuación continuamos apostando pola mellora das instalacións deportivas para o uso e disfrute dos nosos veciños e veciñas”, apunta o rexedor silledense.
Nas vindeiras semanas procederase á contratación dos traballos a fin de ter o acondicionamento da piscina listo para a vindeira tempada estival.