Silleda, 18 de marzo de 2017. O executivo silldense vén de aprobar na Xunta de Goberno Local o proxecto técnico para dotar de iluminación o Parque Municipal das Pedrosas. Trátase dunha iniciativa para a mellora integral desta zona, moi visitada por veciños e veciñas da localidade.
A inversión ascende a 200.000 euros. Esta é unha das actuacións principais que se incluiron este ano por parte do goberno local no apartado de inversións dos orzamentos municipais de 2017. A iluminación deste entorno natural realizarase mediante sistema LED, polo que vén apostando nos últimos anos o Concello de Silleda.
A actuación incluirá ademais a mellora e acondicionamento deste parque, coa reconstrucción do muro exterior nalgúns puntos–xa que está danado nalgunhas zonas- e outras obras de acondicionamento.
Neste recinto ubícanse ademais un parque infantil, un parque biosaudable, outras instalacións xuvenís (con tirolina e outros aparellos) e unha cancha deportiva. “Trátase dun espazo natural e de ocio moi usado polos silledenses. Coa dotación de iluminación ampliaremos as posibilidades de uso deste parque municipal, xa que moitas das persoas que habitualmente pasean pola zona terán a oportunidade de facelo tamén pola noite”, explica o alcalde.
A mellora integral do Parque Municipal das Pedrosas é unha das obras máis ambiciosas proxectadas para este ano por parte do goberno municipal, que xa aprobou nas últimas semanas outros proxectos que se materializarán con cargo ao orzamento municipal de 2017.
Así, foron xa aprobados os proxectos para a reforma integral do campo de fútbol de Outeiriño ou o da mellora das piscinas. A mellora de infraestruturas no rural, coa inversión de máis de 500.000 euros en distintos puntos da rede viaria súmase ás actuacións proxectadas dende o Concello de Silleda para este ano.