Silleda, 24 de marzo de 2017. O Consello Municipal de Educación, entidade que aglutina á comunidade educativa de Silleda, mantivo onte xoves un novo encontro para abordar o calendario de actividades extraescolares propostas pola Concellería de Educación, que dirixe Pilar Peón. Así mesmo, na xuntanza, -á que asistiron representantes do CEIP de Silleda, CEIP Ramón de Valenzuela, Colexio María Inmaculada e IES Pintor Colmeiro, ademais das Anpas Brincadeira e Musiquiños-, a concelleira lembrou outras iniciativas en marcha de interese coma os campamentos de verán na Lanzada (programa Depo Aventura).
Tamén se informou de que o vindeiro mes de agosto volverá a abrirse o prazo para o Servizo Lúdico Educativo –de apertura dos centros fóra do horario escolar para o curso 2017/2018-, unha convocatoria na que se inclúe xa a reserva para o servizo durante as vacacións de Nadal e de verán.
En canto ás actividades extraescolares financiadas pola Concellería de Educación informouse de que o vindeiro 7 abril terá lugar a sesión de Teatro “Canta Connosco”, de Migallas Teatro, no auditorio Semana Verde.
Para o alumado de Secundaria haberá unha charla no marco da exposición Sorrisos Transformadores, que se abrirá na Casa da Cultura o vindeiro 6 de abril. A presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacións impartirá esta sesión para os escolares.
En canto ao alumnado de Primaria, o teatro tamén protagonizará a actividade prevista para o 2 de xuño con “A Galiña Azul”, de UBÚ Teatro, baseada no texto homónimo de Carlos Casares. Ademais, entregaránse exemplares desta obra aos centros escolares.
Libros na rúa, en maio e Concurso de Cómic
Por outra banda, o vindeiro mes de maio celebrarse unha nova edición de Libros na rúa, no que participarán tamén os centros educativos, no marco da programación do Mes das Letras.
Así mesmo Pilar Peón lembrou na xuntanza que o vindeiro venres día 31 remata o prazo para presentar traballos ao Concurso de Cómic da Biblioteca Daniel Castelao organizada por segundo ano consecutivo dende a Concellería de Educación. A dotación total dos premios será de 1.200 euros.
“Dende os centros e Anpas valorouse moi positivamente a programación realizada dende a Concellería”, indicou a concelleira agradecendo a colaboración dos centros silledenses.