Silleda, 12 de abril de 2017. O Concello de Silleda vén de colaborar nos traballos para conectar a depuración do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA á rede municipal de saneamento. Así, dende a administración local aportáronse os medios mecánicos e humanos e dende a Fundación Semana Verde os materiais para acometer as obras que se acometeron nos últimos días.
Ata o de agora o recinto contaba cun sistema de depuración propio pero con esta conexión á rede xeral e coas obras realizadas mellorarase toda a instalación.
O concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitou xunto con director xeral da Fundación, Ricardo Durán, o lugar das obras, que están xa na súa recta final.
Esta actuación enmárcase no convenio asinado en setembro de 2014 que fixa as liñas de colaboración entre as dúas entidades. Grazas a este acordo, o Concello realiza e colabora nas tarefas de mantemento das instalación feirais ao tempo que a fundación cede as súas instalacións para a realización de actividades municipais.
“Estas obras que mellorarán o funcionamento do recinto veñen a sumarse a outras actuacións realizadas en virtude deste convenio que está dando moi bos resultados e que se convirte no referente da boa sintonía que mantemos entre as dúas entidades en aras do interese xeral ”, resalta o alcalde, Manuel Cuiña.
Pola súa banda o director xeral da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán mostrouse moi satisfeito coa actuación do Concello e destacou a súa boa execución técnica, así como o aforro tanto de custes como de trámites administrativos que conleva para a Fundación a supresión da depuradora.
Ademais, subliñou que é unha mostra máis da boa sintonía e os beneficios que supón para todos o convenio que manteñen ambas entidades.